Friday 17 de May de 2024

Inés Rey elixida vicepresidenta primeira da Federación Española de Municipios e Provincias


A Coruña volve formar parte da dirección executiva da FEMP despois de 17 anos

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi escollida hoxe vicepresidenta primeira da Federación Española de Municipios e Provincias na asemblea do XIII Pleno da institución. Coa súa elección, a cidade da Coruña volve formar parte da dirección executiva da FEMP despois de 17 anos.

Previamente presentou as conclusións da comisión sobre ‘Cohesión Social y ciudadanía’ na que participou como relatora. Rey destacou que o benestar social foi un dos piares do pasado mandato a causa da pandemia da Covid-19 e puxo de manifesto a relevancia dos concellos que tiveron que facer un gran esforzo económico e social como administración máis próxima á cidadanía.

A alcaldesa trasladou o seu agradecemento a todos os alcaldes e alcaldesas pola confianza depositada nela e mostrou o seu compromiso por traballar en defensa do municipalismo desde a institución. “É unha honra asumir a vicepresidencia primeira da FEMP nun momento clave para as institucións locais e asumo o reto de ser a voz da igualdade e dos dereitos sociais desde a dirección da FEMP” explicou.

Rey destacou tamén a importancia que ten para a cidade da Coruña formar parte da dirección da FEMP ocupando a vicepresidencia primeira. “A elección referenda o papel que estamos a desenvolver na Coruña liderando a transformación de Galicia desde o local, pon en valor as políticas progresistas que estamos a levar a cabo na cidade e sitúanos no mapa das cidades de referencia en España” concluíu.